Unha mámoa milenaria convertida en churrasqueira nun novo ataque ao patrimonio cultural de Galicia. Desta volta, a vítima foi a mámoa de Casamea ou Pedra da Cana, situada en San Pedro de Tállara, no municipio de Lousame.
En 1995, esta anta foi alterada gravemente, ao ser destruída a cámara mortuoria para construír unha grella, con cheminea e porta incluídas. Recentemente, alguén volveu colocar os ortostatos (as laxas verticais) que se arrincaron en 1995, situándoos arredor do túmulo. Tamén deixaron diverso lixo que se pode observar na zona, que inclúe bidóns de plástico e un frigorífico.
Hai un ano, un boirense presentou un escrito ante Patrimonio preguntando se a actuación tiña permiso. Seis meses máis tarde, volveu presentar unha consulta ante a Xunta de Galicia, pero tampouco obtivo resposta.
Curiosamente, a citada mámoa figura no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia e está protexida polo PXOM de Boiro desde 2004. Pero todo isto non impediu que pasase á consideración de churrasqueira.
Sem comentários:
Enviar um comentário