quinta-feira, 23 de agosto de 2018

FESTIVAL DE FOTOGRAFIA DA CORUNHA

CONVOCATORIA ABERTA ffoco2
Nesta segunda edición, ffoco quere abrir a súa actividade central, as proxecións na Praza de Azcárraga, a propostas fotográficas de calquera persoa interesada neste medio e independentemente da súa relación profesional co mesmo.
Por este motivo, abrimos unha convocatoria para a presentación de traballos fotográficos, de entre os que seleccionaremos dous para ser proxectados á vez que os das autoras e autores convidados pola organización a participar no festival, e nas mesmas condicións, incluíndo un fee de 150€.

As persoas interesadas deberán remitir un mail no que se indique nome e idade, se inclúa un pequeno texto explicativo sobre o traballo (máximo 300 palabras) e se adxunten entre 10 e 20 imaxes do mesmo.
O mail deberá enviarse á dirección ffocofestival@gmail.com poñendo no asunto “convocatoria ffoco2”.
Na mesma dirección de correo, poderá tamén facerse calquera consulta sobre a presente convocatoria.
O prazo para o envío de propostas queda aberto con esta mesma comunicación, e pecharase ás 12:00h do venres 7 de setembro.
Non pedimos imaxes inéditas, pero as que se envíen deben ser da autoría de quen remite a proposta, que acepta ao facelo que estas poidan ser amosadas nas proxeccións e nas comunicacións públicas do festival, e se fai responsable de respectar os dereitos de imaxe das persoas representadas.
As imaxes dos proxectos seleccionados deberán ser montadas polo autor ou autora nun único clip de vídeo para a súa proxección. As imaxes poderán ir acompañadas de son, para o que non haberá máis limitacións que a do respecto polos dereitos da propiedade intelectual, tamén baixo a responsabilidade da persoa que envía a proposta. No seu momento, indicaríanse ás persoas seleccionadas as características técnicas dos arquivos que se lles solicitan.
Se tes ganas de amosar as túas imaxes, elas serán o centro da túa proposta: non é preciso que presentes ningún CV, só que teñas máis 18 anos e quieras compartir o teu traballo.
Anímate!


ESTAMOS DE VOLTA!
Chega ffoco2. A segunda edición do Festival de Fotografía da Coruña celebrarase os vindeiros 28 e 29 de setembro na contorna da praza de Azcárraga.
Presentacións, charlas, actividades, microrresidencia, feira editorial, noite de proxeccións... Moi pronto anunciaremos a través das nosas redes a programación completa.
Polo de agora, esta fotografía de Nina Korhonen colle o relevo da man de Isolina e protagonizará o cartaz desta edición, do que xa os podemos amosar este adianto.
Vémonos!


Sem comentários: